Tuesday 17 de September de 2024

A exposición Caramiñal pode visitarse na casa da cultura da Pobra ata finais de mes


Retratos de barcos bateeiros e pesqueiros emulando os encargos que facían os fomentadores cataláns dos seus navíos, iluminacións simulando un códice sobre Santo Amaro ou algúns modelados dos tradicionais xigantes son algunhas das pezas que integran a nova exposición titulada Caramiñal, de Antonio Villoch, que acubilla a casa da cultura Raquel Fernández Soler ata finais de agosto.

 

Arredor de 35 obras que reflexan a identidade da Pobra do Caramiñal a través da ollada do artista que, se ben se dedicou profesionalmente á obra civil, sempre cultivou a arte como unha das súas paixóns.

 

Óleo sobre táboas ou lenzos, pinturas ao temple e dourados en papel, relevos… Diferentes técnicas, diferentes soportes, pero en todos eles explorando elementos que caracterizan ao municipio.

 

Durante o acto inaugural da tarde deste 2 de agosto, o artista estivo arroupado pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, para quen “é importante seguir dando cabida a creadores que, se ben non se dedican profesionalmente á arte, cultivan algunha disciplina. Como institucións públicas debemos servir de xanela para novos talentos e motores para o desenvolvemento cultural.” Nesta liña, a edil salientou que “como Administración local témo-lo firme compromiso de fomenta-la produción artística e, unha das nosas liñas de traballo é o de erixirnos como espazo para dar a coñece-la obra de artistas emerxentes. Agora traemos unha mostra de Antonio Villoch, de Santiago de Compostela, pero con familia da Pobra do Caramiñal. Un vínculo especial coa nosa vila que, como podemos constatar hoxe aquí, non se limita ao parentesco.”

 

A sala permanece aberta de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas.